domingo, 23 de noviembre de 2008

Preparadxs para á revolución postporno?

Anxela Caramés Sales
María Llopis, compoñente do desaparecido colectivo Girls Who Like Porno, encabeza o seu blogue cunha declaración de intencións que ben podería ser unha consigna revolucionaria: «fronte ao feminismo estatal, o movemento postporno». Na súa afirmación entendemos que o postporno supera o eido da pornografía para adentrarse nas tendencias máis activistas dos estudos e as loitas de xénero, é dicir, o feminismo queer teorizado por Judith Butler dende principios da década dos noventa. Precisamente o postporno xurde no mundo da arte a finais desa década coincidindo co momento da imparable «queerización» das loitas de xénero. A difusión vén da man da ex-actriz porno Annie Sprinkel, quen reutiliza para as súas performances o concepto de post-pornografía que o artista holandés Wink van Kempen empregara para describir un certo tipo de produción audiovisual que, malia conter elementos pornográficos ou eróticos, non perseguía un obxectivo non masturbatorio, senón político, crítico, intelectual ou humorístico.

O postporno diferénciase da pornografía convencional porque se nutre da filosofía punk do «Do it yourself» -é dicir, autoxestión e crítica ao sistema-, afastándose da complexidade do tipo de produción capitalista que caracteriza a industria cinematográfica, acusada esta de terse encargado de consolidar uns estereotipos machistas da feminidade e da masculinidade, así como de normativizar corpos e prácticas sexuais. A diferencia destas imaxes falocéntricas nas que os obxectos da representación eran as mulleres, xs trans, xs interxénero, incluso as bolleras e os maricas, e por suposto as actrices e os actores porno, no postporno todxs elxs convírtense en suxeitxs activxs, pasan a ser controladorxs e xestionadorxs da súa auto-representación, cuestionando os códigos estéticos, políticos e narrativos que conforman as coercitivas normas de xénero, as corporeidades e as sexualidades binarias: home-muller, masculino-feminino ou heterosexual-homosexual.

Máis aló da casi eurovisiva canción de La Casa Azul, a revolución sexual que formulan as plataformas de experimentación postporno preséntase como unha importante ferramenta subversiva que posibilita a transformación da sociedade heteronormativa e patriarcal na que vivimos. Así, o potencial deste movemento radica no seu labor de deconstrución do discurso hexemónico, ou dito doutro modo, na capacidade que ten de facernos repensar a sexualidade nun mundo tan profundamente hedonista como reprimido.

Polo tanto, o postporno é ante todo unha práctica performativa sexual e política. Participando nas xornadas FeminismoPornoPunk, organizadas por Beatriz Preciado en Arteleku, aprendín que é unha práctica vital; que arranca da cotidianeidade máis íntima para incidir na esfera pública coa súa faceta máis provocadora e activista. O seu valor radica no vivencial e na acción subversiva, mais para que toda praxe funcione require dunha teoría que a fundamente dotándoa de sentido. O postporno ataca directamente o núcleo duro da construción e a difusión das tecnoloxías constritoras do xénero producidas polo noso réxime «farmacopornográfico» –empregando o clarificador concepto acuñado pola devandita filósofa no seu último libro Testo Yonqui–, animándonos, deste xeito, a reapropiarnos destes mecanismos para poder reinventar novas formas e usos. No contexto estatal, os traballos de Post_Op, La Quimera Rosa, Ex-dones ou Go Fist Foundation, entre outrxs, tentan visibilizar outros desexos, outros corpos e outras prácticas sexuais; como poderían ser unha imaxinativa revisión dos códigos BDSM, unha reactualización das dinámicas butch-femme, unha resignificación do dildo ou o xogo paródico dos xéneros coa intención de multiplicalos e reformulalos «á carta».

Dende logo, a polémica está servida, e os detractores son múltiples e variados, incluíndo algunhas ramas do feminismo máis conservador; un debate, sobre a censura ou non da pornografía, que xa estivera candente –fundamentalmente no contexto estadounidense– durante os oitenta e que agora parece ser resucitado baixo unha nova e radical perspectiva.

(*) O emprego do «x» para referirme conxuntamente aos xéneros tradicionalmente considerados como feminino e masculino constitúe un xesto de respeito cara as persoas que non se corresponden con ningunha das dúas categorías; habería que entendelo como un modo de evitar esta discordancia de xénero.

0 comentarios: